ACCIÓN POÉTICA NO LAMBRE

carolina cygan

Carolina Cygan é unha muller madrileña de pais polacos que na Galiza encontrou o seu lugar. Traballa como violinista na Sinfónica de Galicia, pero ante todo é una enamorada do campo, dos animais e da natureza que tanto representan esta fermosa terra galega.

EUGUENIA SANMARTIN

Son Eugenia Sanmartín, persoa.
Animaliño de escenarios: cantora, compositora, actriz, directora e poeta. Con certo pánico de amosarme pero sempre movida polo inevitable e vello impulso de artista.
Nacín en Ferrolterra o 23 de maio do ano 72 e logo, entre os 18 e os 42 vivín en Madridterra. De volta a Galicia, á fin do 2014, asenteime de novo nesta esquina fermosa que me veu nacer (in-de-cona/in the corner). E acolleume ben, moi ben.
Fago teatro, radionovelas (podcasts de ficción que se di agora), música e poesía. Agora entre mans este proxecto: “ANTÍDOTO”, do que vouvos ofrecer unha escolma. “ANTÍDOTO” quere ser iso: un contraveleno que ilumine o sangue de amor fraterno, un canto á fraxilidade humana, pensando eu que é onde repousa a beleza da nosa especie; un berro contra o capitalismo anímico, o ánimo anémico, a alma fotoxénica e o postureo cultural.

esme quiroga

Esme Quiroga é profe de Literatura nun instituto de Ponteareas. Naceu en Baralla, Lugo, e fala un galego do bloque occidental de Galicia. Di truita, muito e pequenín. De pequena mirábase nos ollos das vacas e lía poesía coa súa mai. De maior quere ser poeta e non perder a vocación de mestra. Tamén lle gustaría saber mirar, pacer e descansar como fai o animaliño que está nesta foto tirada pola súa amiga Uxía. Agradece moito, moitísimo que a escoiten ler poesía. Probablemente iso e o queixo do Cebreiro sexa o que máis lle gusta no mundo.

HELGA MÉNDEZ

Helga Méndez, Ferrol, 1970
Actriz e directora de teatro.
Docente Artes Escénicas.
Narradora oral, poeta. Fundadora da compañía ferrolá Maquinarias Teatro. 
Arraigada nos tecidos do teatro social e da creación colectiva, na liña dos teatros comunitarios e veciñais, cre profundamente no poder transformador da arte. Na actualidade, a súa poética indaga nos múltiples territorios que habitamos e as súas fronteiras.

LAURA PORTO

Nacín co privilexio de medrar sen ruído, onde as vacas libre mastigan xesta á beira dos camiños. Escribo dende sempre, e dedícome profesionalmente ás artes escénicas desde o ano 2019. Neste momento estou a promover diferentes proxectos de xestión cultural e intervención social, empregando ferramentas das artes e do pensamento para visibiliza e apoderar a colectivos criminados, ou que tenden a habitar as marxes por non ser configurables baixo a norma. Para viaxar máis lonxe no extrarradio que non pode ser domesticado, estoume a formar como mediadora comunicativa. Na xanela dende a que traballo hai unha herba luísa que sempre treme baixo a luz do mediodía. Está na marxe de todo, pero é o centro do que importa.

LAURA REY

Son Laura Rey Pasandín ( A Coruña, 1980) técnica superior en Integración Social, educadora social e psicopedagoga. Autora de “As Mans na Terra”. Gañei o certame da biblioteca González Garcés con poema “ Dime ti” no año 2016; no 2019 o certame de diversidarte co poema “perfecta imperfección”,no ano 2020 o certame da Real Academia da lingua Galega de relato curto con “ Litofanía” en 2021 e o conto “ madeira e metal” publicado pola editorial baía e ilustrado por Laura Romero.
Participo no movemento social e asociativo do meu contorno e creo que anoar a escrita e a literatura á loita social é un motor para cambios en prol do feminismo, capacitismo e coidado da terra e o territorio.